Santiago-Arzúa 97.7 FM Ferrol-Cariño 101.9 FM Ourense-Celanova 100.1 FM A Coruña-As Mariñas 105.1 FM Bergantiños-Costa da Morte 101.9 FM Vigo-Baixo Miño 91.1 FM Asturias 96.2 FM Santander 91.3 FM Bilbao 94.3 FM Vitoria 94.5 FM San Sebastián 94.8 FM

A Deputación da Coruña presenta a VIII edición da Samurai Xtreme Race- Lago das Pontes, final do Campionato de España

Jun 12, 2025

A Sala Juan Gallo da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación oficial da VIII edición da Samurai Xtreme Race, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo no concello das Pontes e que nesta edición acollerá a final do Campionato de España OCR Liga AOCO 2025.

O acto contou coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira, o responsable da organización do evento, José Cope, e a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón.

Antonio Leira destacou que a proba “promove dous valores do deporte que consideramos importantes como a igualdade e o traballo en equipo”, xa que homes e mulleres de todas as idades compiten xuntos e traballan conxuntamente para cumprir obxectivos.

“Desde a Deputación da Coruña apostamos por apoiar a celebración de grandes eventos deportivos como este, que reúnen a deportistas do máximo nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional”, afirmou o deputado de Deportes, que lembrou que a Samurai Xtreme Race é un dos dos 24 grandes eventos deportivos que financia este ano a Deputación, cun investimento global de medio millón de euros.

José Cope, organizador do evento, destacou que se trata dun evento consolidado que contará con máis de 1.500 participantes nas diferentes categorías e incidiu no incremento constante das inscricións femeninas que rexistra a proba nos últimos anos. “A Samurai Xtreme Race deste ano é ademáis campionato de España. O que gañe nas Pontes vaise proclamar campión o campioa de España”, subliñou.

Pola súa banda, a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón, fixo referencia ao entorno privilexiado no que se celebra a proba “un exemplo de restauración mineira a nivel europeo”.

Desde a súa creación, esta carreira de obstáculos consolidouse como unha das máis prestixiosas do Estado, tanto pola súa esixencia física como polos valores que promove: superación, solidariedade, integración e respecto polo medio ambiente.

A edición deste ano contará cun percorrido de 10,3 quilómetros e máis de 70 obstáculos naturais e artificiais, nun trazado técnico e espectacular que reunirá ás e aos mellores especialistas estatais en OCR, ademais de centos de participantes populares.

A maiores da competición oficial, o evento incluirá probas paralelas de carácter solidario a favor da Fundación Degén, como a Samurai Junior Race e unha carreira tradicional de campo a través. Actividades que reafirman o compromiso social da organización coas enfermidades dexenerativas e coa inclusión.

Un dos obxectivos da proba segue sendo aumentar a participación feminina, que este ano xa representa o 41 % das inscricións, consolidando o evento como exemplo de igualdade, compañeirismo e traballo en equipo.

A Samurai Xtreme Race aposta tamén por un modelo sustentable e responsable, cun firme compromiso coa protección do medio ambiente e a promoción de hábitos de vida saudables.

O evento conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello das Pontes de García Rodríguez, a Cámara Mineira de Galicia e de empresas como o Centro Porsche Coruña, entre outras entidades colaboradoras.

A cita do 6 de xullo nas Pontes promete ser moito máis ca unha competición: unha auténtica festa do deporte, a solidariedade e a superación persoal.

greenalia