O Concello de Muxía presentará a vindeira semana en FITUR, a Feria Internacional de Turismo celebrada en Madrid, a súa nova aposta turístico-cultural: a I Semana de Exaltación do Percebe. O novo goberno local impulsou a creación deste evento coa fin de “poñer en valor e preservar a identidade muxiá” vinculada á cultura, tradición e natureza. Así o destaca a concelleira de Cultura e Turismo, Sandra Vilela, que estará presente en FITUR xunto co alcalde, Javier Sar.
“Trátase dun evento máis cultural. Queremos que tanto a nosa veciñanza como as persoas que nos visiten gocen deses días a través de numerosas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura e tradición. Pretendemos preservar a esencia da nosa identidade, do que é Muxía. Por iso escollemos o lema ‘Percibe Muxía’, xa que encaixa tanto pola súa similitude co percebe como polo sentido do que buscamos transmitir a través desta experiencia”, explica Vilela.
Deste xeito, durante as datas da I Semana de Exaltación do Percebe -aínda por desvelar-, Muxía acollerá diversas actividades vinculadas a potenciar necesarios valores relacionados co medio ambiente, a sustentabilidade do recurso marítimo ou a figura da muller do mar. “Tamén haberá, por suposto, degustacións de produto. Pero esas catas non serán o fío condutor. Non queremos crear unha festa gastronómica”, apunta a responsable de Cultura e Turismo. Así, os tres eixos sobre os que a I Semana de Exaltación do Percebe se sustenta son a “valoración da identidade e cultura, o coidado e a sustentabilidade da natureza e o papel da muller de xeito especial no mundo do mar”.
O rexedor e a responsable das áreas de Cultura e Turismo xa teñen concertadas reunións con diferentes axentes turísticos presentes en FITUR para explicarlles este novo proxecto, que comeza a vertebrar “un xeito diferente de promover o turismo máis pensado e mimado, que fuxa das aglomeracións porque si”. Ambos os dous representantes do goberno local estarán en Madrid entre o mércores 22 e o venres 24 de xaneiro para formalizar eses encontros. Ademais, o Concello de Muxía tamén terá a súa presenza no espazo turístico de Galicia.