O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina o convenio para a posta en funcionamento da Liña Conecta Rural, un servizo gratuíto de autobús do proxecto +Mobe: mobilidade rural, sostible e inclusiva en Pontevedra que conectará os concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas coa cidade de Pontevedra. Esta iniciativa piloto de transporte por estrada en concellos do reto demográfico impulsado pola administración provincial estrearase de xeito inminente despois da sinatura do acordo de colaboración por parte do conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo; e os alcaldes destes concellos, Carlos Costa, José Luís Gómez e o tamén deputado provincial Ricardo Martínez. “Un acordo a cinco bandas, entre a Xunta, a Deputación e os concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas para poñer en marcha un servizo dos que as administración debemos traballar para facelo: mellorar a mobilidade cun proxecto pioneiro e piloto. Damos unha solución para tres concellos do reto demográfico promovendo a mobilidade cara a capital da provincia permitindo á veciñanza a resolver cuestións do día a día e tamén cuestións sanitarias ao contar cunha liña específica cara Montecelo”, resumíu o presidente.
Cun orzamento de 478.000€, a Deputación de Pontevedra asumirá integramente o financiamento deste novo servizo, para o que conseguiu unha subvención por parte do Goberno central e foi valorado entre as cen mellores propostas de España, coa colaboración da Xunta de Galicia e os Concellos á hora de deseñar e poñer en marcha un servizo que se estreará o vindeiro 13 de abril con viaxes de luns a venres e de xeito gratuíto para todos os usuarios. O servizo está composto por dúas liñas de autobús, unha unirá Portas cos centros sanitarios de Pontevedra e a outra fará o mesmo cun percorrido que parte de Campo Lameiro e pasa por Moraña.
Desde o Concello de Campo Lameiro, que conta con sete paradas, están previstas tres expedicións en sentido de ida con horarios de saída ás 08.15, 11.40 e 15.10 horas, así como tres expedicións de volta con saídas ás 07.35, 11.00 e 14.30 horas. Pola súa banda, o Concello de Moraña, con cinco paradas, contará con tres expedicións de ida con horarios de saída ás 6.30, 10.00 e 13.30 horas, así como tres expedicións de retorno con saídas ás 09.05, 12.30 e 16.00 horas. Mentres que a liña de Portas, que dispón de 13 paradas, partirá cara Pontevedra ás 7.15, 9.30, 11.30 e 13.30 horas, mentres que os servizos de regreso están programados para as 08.15, 10.30, 12.30 e 14.30 horas. En Pontevedra, os autobuses pararán en Montecelo, A Eiriña e Campolongo. A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.
Cooperación entre administracións
“Celebramos este acordo a cinco bandas dun proxecto piloto e experimental que vai marcar un antes e un despois no futuro da provincia e da mobilidade. Demostra que podemos artellar iniciativas que melloran a calidade de vida da xente. Pero chegar a este punto non foi doado, contamos coa cooperación imprescindible da Xunta e dos técnicos da Deputación que fixeron un traballo excepcional”, remarcou o presidente, facendo fincapé na importancia da colaboración entre administracións. “Esta é outra mostra da nosa filosofía, que é buscar aliados. A Xunta é unha parte fundamental e importante nas colaboracións coa Deputación. Anteriormente había unha cláusula que penalizaba aos concellos se tiñan colaboración coa Xunta, pero iso xa quedou á marxe. Nós queremos alianzas sobre todo cos concellos e tamén coa Xunta e co Goberno para buscar o mellor para esta provincia”, concluíu o presidente.











