A partir das primeiras horas da mañá do sábado, activarase o nivel amarelo en toda a costa galega, podéndose rexistrar ondas de entre 4 e 5 metros de altura. Recoméndase á poboación que extremen as precaucións en zonas de praia e paseos marítimos.
A situación complicarase a partir da tarde do sábado e durante a madrugada do domingo, cando a alerta subirá progresivamente a nivel laranxa por risco importante en toda a comunidade. Nestas horas centrais do episodio adverso agárdanse ondas de ata 6 metros, afectando primeiro ao noroeste e oeste coruñés e estendéndose despois ao resto de Galicia.
Esta situación manterase activa durante o domingo, polo que cómpre evitar calquera actividade profesional ou de lecer no mar, así como manterse lonxe de diques e zonas de rompente para evitar posibles accidentes.













