A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) lamenta profundamente os actos vandálicos rexistrados esta madrugada nos seus campus da Coruña e Vigo, así coma na súa Sede Institucional de Santiago de Compostela, actos que causaron danos materiais ás dependencias da institución. Durante o día de hoxe, a Universidade procederá á limpeza e valoración dos danos ocasionados, á recompilación de evidencias e a presentar a correspondente denuncia ante as autoridades, actuando con responsabilidade e dentro do marco legal, tal e como corresponde a unha institución comprometida co respecto ás normas e á convivencia.
UIE reitera o seu respecto ao dereito á folga e á libre expresión de ideas, piares fundamentais dunha sociedade plural. As discrepancias e diferenzas de opinión sempre suman e dan como resultado novos escenarios enriquecedores, pero deben canalizarse desde o respecto, o diálogo e a convivencia, valores que forman parte esencial da sociedade.












