Arredor das cinco desta madrugada, un particular alertou ao 112 Galicia dun incendio nunha nave de transportes situada en Pazos de San Clodio, no concello de San Cibrao das Viñas. No momento do incidente, as instalacións estaban baleiras e a voz de alarma apuntaba á posible afectación dun depósito de gasoil.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) activou de inmediato un amplo operativo no que participaron os Bombeiros de San Cibrao e de Ourense, a Garda Civil, o GES do Pereiro de Aguiar e persoal do distrito forestal da zona.
Ao chegaren ao punto, os equipos de extinción comprobaron que o lume afectaba a dous tráilers cargados con pezas de vehículos. Tras un intenso traballo para conter as lapas, o incendio atópase xa controlado, aínda que os servizos de emerxencias permanecen no lugar para arrefriar a zona e evitar posibles rebrotes.













