O incendio iniciouse no exterior dunha nave situada en Arcos, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense). Ardeu un camión por completo e dous vehículos tamén resultaron afectados, así o indicaron os Bombeiros de Valdeorras tras dar por extinguido o lume.
Un particular foi quen, ao fío das seis e media desta mañá, contactou co 112 Galicia para informar dun lume na parte de atrás dun taller, sen poder precisar o que ardía.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros e do GES de Valdeorras. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil, o persoal do distrito forestal provincial, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e o persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Ademais, por precaución, tamén foron avisados o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Con todo, tras dúas horas de traballo, os Bombeiros comunicaron a extinción do lume. Ardeu un camión na súa totalidade véndose afectada pola alta temperatura unha furgoneta e un coche.













