A Casa da Cultura de Vimianzo foi escenario este sábado dun encontro clave para
o avance do emprendemento feminino no rural.
No marco de Alza Voz de Muller
2026, celebrouse o Encontro de Axentes do Emprendemento Feminino, unha
xornada de traballo que reuniu a representantes de asociacións, fundacións e
entidades que traballan coas mulleres no ámbito profesional e emprendedor.
O encontro nace como resposta directa a unha demanda detectada na primeira
edición de Alza Voz de Muller: a necesidade de crear un espazo propio no que as
entidades puidesen parar, escoitarse e analizar de maneira conxunta os retos
estruturais que afectan ás mulleres, especialmente no contexto rural.
Lonxe de ser un espazo de presentación de proxectos individuais, a sesión
concibiuse como un marco de traballo colectivo, no que o foco estivo en
identificar aquilo que é común a todas as realidades: barreiras estruturais,
desigualdades persistentes e necesidades compartidas que condicionan o
desenvolvemento profesional e o emprendemento feminino.
Durante a xornada, na que participaron unha decena de mulleres representantes
de distintas organizacións, abordáronse cuestións clave como a falta de redes de
apoio, o peso dos coidados, o acceso desigual a recursos e oportunidades ou o
impacto da socialización de xénero nos procesos emprendedores.
Un dos principais logros do encontro foi precisamente transitar do relato
individual ao diagnóstico colectivo, identificando patróns comúns que
evidencian que moitas das dificultades que afrontan as mulleres non son illadas,
senón estruturais.
A sesión permitiu tamén avanzar na definición de necesidades compartidas e
primeiras liñas estratéxicas de actuación, sentando as bases para a creación
dun documento marco de necesidades e propostas, que servirá como punto de
partida para futuras accións e colaboracións entre entidades.
Desde a organización de Alza Voz de Muller destacan a importancia de xerar este
tipo de espazos no rural, onde a dispersión territorial e a falta de conexión entre
iniciativas dificultan, en moitos casos, a creación de redes sólidas de apoio entre
mulleres e organizacións.
“Este encontro supón un punto de inflexión. Non só polo que se falou, senón polo
que se abriu: a posibilidade real de traballar desde o colectivo para transformar
unha realidade que compartimos”, sinalan dende a organización.
A iniciativa reforza o compromiso de Alza Voz de Muller como plataforma de
referencia na xeración de espazos de reflexión, conexión e acción para o
liderado feminino, ampliando o seu impacto máis alá do propio evento e
contribuíndo á construción dun ecosistema máis forte para o desenvolvemento
profesional e emprendedor das mulleres.
O traballo iniciado neste encontro terá continuidade e será presentado no marco
da segunda edición de Alza Voz de Muller, consolidando así unha liña estratéxica
centrada na articulación de redes e na construción colectiva de solucións.













