Pasados escasos minutos das 13 horas, varios particulares alertaron ao 112 Galicia dun accidente entre dous coches á altura do quilómetro 23 da OU-504, en Seoane de Arcos (O Carballiño). Naquel momento, xa explicaban que podía haber varias persoas atrapadas nos vehículos, que acabaron envorcados.
Cando chegaron, os medios confirmaron que eran dous os implicados que precisaban ser excarcerados. Un deles estaba en estado moi grave.
Ata o lugar do accidente desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que ademais de ambulancia mobilizou o seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense; os Bombeiros do Carballiño, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e Protección Civil do Carballiño, así como os servizos de mantemento da estrada.
Os bombeiros excarceraron dúas persoas. Finalmente, e malia os esforzos, confirmouse o falecemento dunha delas. A outra foi evacuada en ambulancia.












