Un motorista faleceu esta mañá tras verse implicado nun accidente de tráfico cunha furgoneta na autovía A-52, ao seu paso polo concello de Carballeda de Avia.
O sinistro produciuse arredor das 07:45 horas, á altura do punto quilométrico 255 da A-52. Foi o propio condutor da furgoneta quen contactou co 112 Galicia para informar de que acababa de sufrir unha colisión cunha motocicleta. Pouco despois, indicou a posibilidade de que o motorista estivese falecido.
Nada máis recibir o aviso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou inicialmente o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Tamén foron alertados os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia e a Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia só puideron confirmar o falecemento do motorista.













