O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou hoxe na Laracha na presentación do Atlantic Paracycling Challenge, unha competición internacional de ciclismo adaptado que se celebrará os días 27 e 28 de xuño e que converterá A Laracha e Carballo nun dos grandes focos do paraciclismo europeo.
No acto participaron tamén o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes da localidade, Patricia Bello, a concelleira Inés Ramos e representantes do Club Ciclista Riazor, entidade organizadora da proba.
Antonio Leira destacou que o apoio da Deputación a esta competición «responde a unha maneira de entender o deporte como forma de inclusión, superación e igualdade de oportunidades». O deputado subliñou que «o paraciclismo é deporte de máximo nivel, pero tamén é unha mensaxe moi potente para a sociedade: a de que o esforzo, o talento e a capacidade competitiva non entenden de barreiras».
Leira puxo en valor o traballo da organización, que conta xa con 50 atletas inscritos de numerosas nacionalidades, e a colaboración dos concellos da Laracha e Carballo para facer posible unha cita que «sitúa a provincia da Coruña no calendario internacional do ciclismo adaptado» e que contribúe tamén á promoción do territorio a través do deporte. «
O Atlantic Paracycling Challenge está recoñecido como proba de Clase 1 e será puntuable para o ranking internacional. A competición reunirá deportistas nas modalidades de handbike, triciclo, tándem e bicicleta, tanto masculinas como femininas.
A actividade comezará oficialmente o venres 26 de xuño coa confirmación de inscricións, a recollida de dorsais e a reunión técnica no Tempo Training & Social Center da Laracha. O sábado 27 disputarase a proba en ruta nun circuíto de 8,23 quilómetros na Laracha, con saídas diferenciadas por categorías. O domingo 28 celebrarase a contrarreloxo individual, con saída neutralizada desde a praza do Concello da Laracha e competición en Carballo, antes da entrega final de premios na Laracha.













