O Pleno da corporación aprobou hoxe por unanimidade solicitar a Unicef España o inicio dos trámites para a obtención da condición de Entidade Local Candidata ao Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia, así como contar co seu apoio e colaboración no desenvolvemento, na mellora continua e na innovación das políticas municipais dirixidas á infancia e á adolescencia.
Nesta sesión extraordinaria participaron máis de 60 alumnos e alumnas, de entre 10 e 15 anos, procedentes do IES Sofía Casanova, CEIP Plurilingüe A Laxe, CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, CEIP Ledicia, Colexio Belén e CEE Terra de Ferrol. Os participantes representaron tamén ao alumnado do IES Catabois e do Colexio Ludy, que non puido asistir por coincidir a sesión con outras actividades programadas, pero que contribuíu igualmente coa súa achega nos obradoiros previos para a elaboración do Plan Municipal da Infancia e da Adolescencia.
A VOZ DOS MÁIS NOVOS
Adriana, Paula, Lois, Jimena, Keila, Sara, Miranda e Duna, en representación do Consello Local da Infancia e Adolescencia, foron as encargadas de trasladar ao Pleno as reflexións, propostas e reivindicacións recollidas entre o alumnado dos centros participantes.
Nas súas intervencións destacaron a importancia de contar con espazos nos que a infancia e a adolescencia poidan expresar libremente as súas opinións e ser escoitadas nas decisións que lles afectan. “Aínda que non temos nin voz nin voto nos órganos de decisión, tamén temos opinión e queremos participar nas cuestións que forman parte da nosa vida diaria”, sinalaron.
As representantes amosaron, tamén, a súa satisfacción por poder formar parte deste proceso participativo e por comprobar que as súas achegas serán tidas en conta. Neste senso, destacaron que a visión dos nenos, nenas e adolescentes pode contribuír de maneira significativa á mellora da cidade, favorecendo que Ferrol sexa un lugar máis cómodo, seguro e inclusivo para toda a infancia.
Entre os seus desexos para o futuro, manifestaron a vontade de construír unha cidade na que a infancia e a adolescencia teñan unha maior presenza na vida pública, que recoñeza e acolla a diversidade e as necesidades reais dos máis novos e que continúe avanzando cara a un modelo de cidade máis segura, amable e adaptada ás súas necesidades.
As súas intervencións concluíron cunha mensaxe de compromiso e colaboración: “Aquí nos tedes para todo o que necesitedes”, ofrecéndose a seguir participando activamente na construción dun mellor Ferrol para todas e todos.
O FUTURO DE FERROL
Pola súa parte, a concelleira de Muller, Igualdade e Infancia, Elvira Miramontes, afirmou que “hoxe é un día importante para Ferrol, porque a proposta que traemos a este Pleno vai moito máis alá dun simple trámite administrativo”. A edila destacou que “o feito de que un Pleno municipal escoite a voz da infancia e da adolescencia non é un xesto simbólico, senón unha mostra real de compromiso coa súa participación e cos seus dereitos; é, precisamente, o que debe facer unha Cidade Amiga da Infancia”.
Para concluír, o alcalde, José Manuel Rey Varela, felicitou aos alumnos e o profesorado polo traballo levado a cabo e animounos a “seguir traballando xuntos pola cidade”, ao tempo que avanzou “a vosa voz é moi importante para nós porque sodes o futuro de Ferrol”.













