A portavoz nacional, Ana Pontón, apostou desde Vigo por mellorar o financiamento da universidade pública para fortalecer o seu papel no desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza.
Nun momento no que «se está cuestionando o propio papel das universidades e se quere avanzar cara á privatización», Pontón subliñou que Galiza non se entendería sen as universidades públicas, polo que apostou por reforzar a súa autonomía e o seu financiamento como «un elemento estratéxico».
«Temos un plan de financiamento que está a punto de reiniciar a súa negociación e desde o BNG cremos que este é un momento para apostar con fortaleza por incrementar os recursos que ten a universidade pública», argumentou, para recalcar a continuación que esta é unha cuestión clave para fortalecer o papel das universidades galegas no desenvolvemento do País.
Un mellor financiamento que, alegou, tamén contribuiría a que cada vez máis fillos e fillas da clase traballadora poidan formarse na universidade pública, o que considerou «un avance colectivo».
Así o manifestou en declaracións aos medios antes de asistir á toma de posesión da nova reitora da UVigo, Carmen García Mateo, á que desexou «moito éxito» no desempeño das súas funcións porque «a Universidade de Vigo é unha peza clave, non só para esta cidade, senón para o conxunto do País», polo que «os seus acertos redundarán de maneira positiva no desenvolvemento económico, social e cultural de toda Galiza», subliñou.
A portavoz nacional considerou o de hoxe «un día moi especial» por asistir, por primeira vez na UVigo, á toma de posesión dunha reitora. «Isto sempre é un motivo de satisfacción como muller, como feminista, porque todos os pasos adiante que dan as mulleres teñen que significar non só un paso individual, senón un paso para todas», afondou.
Neste sentido, incidiu no feito de que a Universidade de Vigo teña unha reitora á fronte é unha noticia que enche de orgullo a todas as mulleres, que implica un avance para todas e, polo tanto, que é motivo tamén de «celebración colectiva».
Pontón puxo o foco no feito de que, en pleno 2026, tanto a chegada dunha reitora á UVigo como á USC supoña algo excepcional, o que considerou tamén «unha chamada de atención» sobre as dificultades que seguen tendo as mulleres para acceder a postos de responsabilidade.
Por iso, para fortalecer a presenza das mulleres en todos os ámbitos, avogou por avanzar na axenda feminista, «xusto nun momento no que vemos que algúns nos queren levar atrás», concluíu.
Pola súa parte, o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, coincidiu con Pontón en que «o feito histórico» de que por primeira vez nos máis de 36 anos de historia da súa historia, a UVigo teña unha reitora confirma «os avances concretos, prácticos e verificábeis» da axenda feminista.
Pérez Igrexas resaltou a potencialidade e a importancia estratéxica que ten para Vigo ser unha cidade universitaria, polo que avogou por reforzar e intensificar a relación da cidade coa súa universidade.
«A cidade leva demasiado tempo virada de costas á súa realidade universitaria e nós apostamos porque a universidade xogue un papel de primeira magnitude, de primeiro nivel, no desenvolvemento das enormes potencialidades que ten Vigo como primeira cidade de Galiza», afondou.
Co horizonte posto en configurar Vigo como «capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións», o portavoz municipal apostou por darlle á universidade pública «ese papel central que debe xogar», non só como institución académica, senón tamén como actor social e institucional de primeira orde.
Despois de desexar tamén os maiores dos acertos á nova equipa reitoral, Pérez Igrexas concluíu mostrando «plena confianza» en que esta nova etapa que se abre hoxe vai contribuír ao fortalecemento da UVigo o que redundará en beneficio da cidade, da súa área e do conxunto do País.













