O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, chamou na Coruña a seguir defendendo a liberdade das persoas LGTBI+, porque “ampliar dereitos fortalece a democracia”. Fíxoo este venres no acto de colocación da pancarta reivindicativa polo Orgullo LGTBI+ na fachada da Delegación do Goberno, onde estivo acompañado por representantes de entidades e asociacións que traballan pola igualdade, a diversidade e a defensa dos dereitos do colectivo en Galicia.
Pedro Blanco reivindicou o traballo feito polo Goberno de España para situar o país como un referente en materia de dereitos das persoas LGTBI+. De feito, o Ministerio de Igualdade elaborou con máis de 160 persoas expertas a Primeira Estratexia estatal para a igualdade de trato e a non discriminación das persoas LGTBI+ 2025-2028, “un instrumento pioneiro que marca unha folla de ruta para seguir avanzando na igualdade e actuar fronte á discriminación en ámbitos tan importantes como o laboral, a educación, a sanidade ou a xustiza “, sinalou.
O delegado lembrou ademais que España foi recoñecida por primeira vez como o país europeo máis avanzado en dereitos das persoas LGTBI+, segundo o Mapa Arcoíris 2026 elaborado por ILGA-Europe. Un recoñecemento que, segundo indicou, “é o resultado do esforzo colectivo de moitos anos e do compromiso das institucións e da sociedade coa liberdade e a igualdade das persoas LGTBI+”.
Porén, advertiu que “non podemos baixar a garda”, xa que “non todos os dereitos conquistados están plenamente garantidos, pois aínda hai xente con medo a mostrarse tal como é”. Así, concretou que o 54% da poboación LGTBI+ sufriu algún tipo de discriminación ou violencia, segundo a enquisa Estado do odio 2026 da Federación Estatal LGTBI+.
Nesta liña, Pedro Blanco lembrou que ao longo dos anos “moitos se opuxeron sistematicamente aos avances en dereitos”. “Votaron en contra da lei do matrimonio igualitario e o seguen facéndoo no seu idilio coa ultradereita”, lamentou. “Quero lembrarlles que a historia nos amosa que ampliar dereitos fortalece a nosa democracia e logra unha sociedade máis xusta e máis libre”, engadiu o delegado, quen convidou á poboación galega a desfrutar das celebracións do Orgullo LGTBI+.
Ademais, agradeceu o traballo desenvolvido polas entidades e asociacións que acompañaron este acto e que, ao longo de todo o ano, “contribúen á defensa dos dereitos das persoas LGTBI+, á sensibilización social e á construción dunha sociedade máis igualitaria”.
Reunión con entidades
Antes de colocar a bandeira, Pedro Blanco mantivo unha reunión na Delegación do Goberno con representantes de entidades que traballan polos dereitos das persoas LGTBI+ na comunidade. Á reunión asistiu a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar; a activista Aurora Irene Paz Viruet; a presidenta de ALAS A Coruña, Sara Crespo; a directora de Sex Point CASCO, Sonia Valbuena, xunto á psicóloga da entidade Jennifer Ruibal; o director de CORUFEST, Xosé Leis, e o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente.













