O verán volve a somerxerse na maxia do cinema en Carballo coa nova edición das Noites de Cine, un ciclo que levará o mellor das nosas pantallas a distintos puntos do municipio entre os meses de xullo e setembro. En total serán doce proxeccións gratuítas que se desenvolverán os mércores e xoves en parroquias, barrios e no Xardín Municipal, cunha programación pensada para todos os públicos e que combina cine familiar, comedias, aventuras e destacadas producións galegas.
O ciclo arranca o mércores 8 de xullo, ás 22.30 horas, na praia de Razo, coa proxección de El casoplón, unha comedia para todos os públicos. Durante o mes de xullo, as Noites de Cine visitarán tamén os barrios do Chorís e San Cristovo e as parroquias de Sofán, Cances e Entrecruces, con títulos como Campamento Garra de Oso, Los Futbolísimos 2: El misterio del tesoro pirata, ¿Quién es quién?, Padre no hay más que uno 5: Nido lleno ou Sketch. Cuidado con lo que dibujas.
En agosto, a programación continuará no Xardín Municipal, onde poderá verse a película galega Romería, unha das producións máis destacadas do ano dirixida por Carla Simón (gañadora do Oso de Ouro na Berlinale con Alcarrás), e tamén en Baldaio-Pedra do Sal e Lema, con novas sesións de Los Futbolísimos 2 e El casoplón. Así mesmo, as pantallas chegarán a Sísamo con nova sesión de Padre no hay más que uno 5: Nido lleno. O ciclo péchase o 3 de setembro, na Praza da Milagrosa, coa proxección de Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo (Goya a mellor director novel por AzulOscuroCasiNegro) outra das grandes apostas do cine galego recente.
As proxeccións desenvolveranse en colaboración co tecido asociativo do municipio e permitirán achegar o cine a diferentes espazos de Carballo, convertendo prazas, praias, campos e locais sociais en salas de cinema ao aire libre durante as noites de verán. A info completa con todos os lugares, duración dos filmes e horarios pode atoparse en www.carballo.gal/cultura-e-festas.














