Ás tres e media desta tarde, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dun accidente grave na OU-0510, quilómetro 3, en Loñoá Do Camiño, en Covas, no concello de Pereiro de Aguiar. O alertador indicaba que se trataba dun choque entre unha furgoneta e unha moto, engadía que o motorista estaba ferido de gravidade.
Con estes datos, desde o 112 Galicia avisouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tamén foron informados os Bombeiros de San Cibrao, a Garda Civil de Tráfico, o GES de Pereiro de Aguiar e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Así, unha vez no lugar dos feitos e o helicóptero medicalizado no punto, os membros do GES de Pereiro comunicaron que o paciente puidera ser evacuado nunha ambulancia, polo que procedían coas tarefas de limpeza da vía.
Así mesmo, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou o traslado da persoa ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Tres feridos leves en Coles
Un accidente con cinco vehículos implicados (catro turismos e un camión-formigoneira) deixou esta tarde tres persoas feridas no concello de Coles (Ourense). Con todo, segundo a información recibida no 112 Galicia, ningún dos feridos parecía revestir gravidade.
Sucedeu sobre as 15:00 horas de hoxe. A esa hora saltaba, desde un teléfono móbil, unha alerta que avisaba dun accidente de coche ao 112 Galicia e que o situaba na N-525, quilómetro 246, en Gustei. Axiña, tamén varios particulares contactaban coa central de emerxencias para informar deste accidente que, ademais, indicaban que había varios coches implicados.
A partir de aí, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Carballiño, dos membros do GES de Pereiro de Aguiar, da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Coles.
Unha vez chegados ao punto os servizos de emerxencias, os Bombeiros comunicaron que todos os ocupantes dos vehículos estaban liberados e accesibles. Igualmente, os axentes de Tráfico confirmaron que tres persoas resultaran feridas de carácter leve e que no accidente se viran implicados catro turismos e un camión-formigoneira.
















