O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen votos en contra, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se solicita ao Goberno galego a posta en funcionamento dun servizo de orientación laboral por videochamada. «Unha medida para achegar a Administración á cidadanía», explicou a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Noelia Pérez.
Este servizo busca ofrecer máis alternativas e facilitar a vida á persoas, ao igual que a implantación dos caixeiro automáticos ou a integración dun servizo de simulación de entrevistas no circuíto de orientación. Esta nova opción, «de carácter voluntario», supón que cada usuario poderá elixir a forma na que quere recibir a orientación laboral, vía telemática ou presencial. No relativo á atención presencial e tal e como remarcou Noelia Pérez, «seguirá plenamente garantida nas oficinas do Servizo Público Galego de Emprego».
A parlamentaria popular fixo fincapé nas oportunidades que dá a fórmula da videochamada, sobre todo, para as persoas que viven no rural, xa que permite «que os servizos públicos cheguen a todos os recunchos da nosa comunidade nas mellores condicións posibles», independentemente do lugar onde se vida, a distancia a unha oficina ou do tempo que haxa que dedicar ao desprazamento.
A orientación laboral é unha ferramenta fundamental para mellorar a empregabilidade das persoas. A videochamada permite que este servizo sexa accesible, ao manter unha comunicación directa entre a persoa orientadora e a usuaria, resolver dúbidas, compartir documentación e realizar seguimentos personalizados. «Facilita o acceso sen perder a atención personalizada que caracteriza a orientación laboral», sinalou.
A iniciativa afonda, pois, en construír unha administración moderna e preparada para os retos do futuro. «Amplía as posibilidades, reforza a accesibilidade e contribúe a seguir modernizando o Servizo Público de emprego de Galicia, sen renunciar en ningún momento á atención presencial», finalizou a deputada popular.













