O Concello de Vimianzo pon en marcha RE-INVENTÁNDONOS, un programa dirixido a mulleres que están atravesando situacións de dificultade persoal,familiar, social ou laboral e que precisan apoio para recuperar o control sobre as súas vidas e construír novos proxectos de futuro.
A iniciativa ofrecerá un acompañamento integral e personalizado, adaptado ás necesidades de cada participante, creando un espazo seguro de escoita, apoio e orientación onde cada muller poderá avanzar ao seu propio ritmo.
Ao longo dos próximos meses desenvolveranse sesións individuais e actividades grupais centradas no fortalecemento persoal, a mellora do benestar emocional, a orientación sociolaboral, a promoción da igualdade e a prevención das violencias machistas.
RE-INVENTÁNDONOS nace coa convicción de que todas as mulleres, independentemente da súa situación persoal ou das dificultades que atravesen, teñen dereito a contar con oportunidades, recursos e acompañamento para construír unha vida máis autónoma e satisfactoria.
O programa está especialmente orientado a mulleres que se atopan en situacións de vulnerabilidade social, económica ou relacional, favorecendo procesos de inclusión, autonomía e participación social.
As mulleres interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través dos Servizos Sociais do Concello de Vimianzo. Ou chamando ao teléfono 694305026.
Este programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco das actuacións destinadas á promoción da igualdade e ao apoio a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.














