O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello os deportistas ourensáns Candela Castro e Gonzalo Caparrós, do Club de Loita Atila, en recoñecemento aos seus excelentes resultados durante a última tempada.
Candela Castro (Loita libre) proclamouse campioa de España sénior —a primeira muller na historia do club ourensán en acadar este título— e campioa de España sub-23, ademais de ser subcampioa sub-20.
Gonzalo Caparrós (Loita grecorromana, 72 kg) proclamouse subcampión de España sénior (categoría absoluta na que participou tras non poder disputar a sub-23 por unha lesión), ademais de campión galego sénior e terceiro no Campionato de España Universitario. Este éxito súmase aos seus anteriores títulos de campión de España sub-20, sub-17 e sub-15.
Os dous loitadores, que desenvolven a súa preparación de alto rendemento no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, foron tamén convocados pola selección española para disputar este mes o Gran Premio de España en Madrid. Na cita internacional, que reuniu 350 deportistas de 41 países, acadaron sensacións moi positivas de cara ao futuro, segundo ambos manifestaron.
O rexedor e o concelleiro felicitaron a Candela Castro e Gonzalo Caparrós por situar o nome de Ourense na élite da loita nacional e trasladáronlles os seus mellores desexos e ánimos para seguir colleitando novos éxitos na próxima tempada.













