O Concello, a través do servizo de Normalización Lingüistica, celebrará este venres 28 de agosto a partir das 17.00 horas no Campo da Leña a Festa do Apego, unha iniciativa englobada no programa organizado polo Concello para promover actividades que normalicen e fomenten o uso cotián da lingua galega, con especial atención aos nenos e nenas e ás familias.
«A Coruña é unha cidade comprometida coa súa identidade, e por iso o Concello seguirá apoiando iniciativas que axuden a promover o uso da nosa lingua. Ademais, o Apego ten o gran valor de cumprir esta labor dun xeito divertido, dinámico e que chega de forma moi eficaz aos rapaces e rapazas», apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O Concello leva a cabo accións como esta para convidar as familias da cidade a se sumaren a esta iniciativa, que pretende axudar á socialización en galego e á transmisión interxeracional da nosa lingua.
O programa do encontro, que é gratuíto e de entrada libre, comezará co concerto «Cantaxoga», de Migallas, un espectáculo de teatro e música onde María Campos e Carlos Yus interpretarán cancións dos discos «Canta connosco!» e «Pan de millo» e realizando sktechs cómicos relacionados cos contidos das cancións. Este espectáculo ten como finalidade demostrar que na lingua galega, ademais da música tradicional, teñen cabida todos os estilos e tendencias musicais: rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre, rumba, fusión étnica…
Completará a xornada unha foliada con Pablo Díaz e Olga Kirk, que ofrecerán o seu bo facer dentro da música tradicional, ofrecendo un espectáculo para maiores e crianzas. Tanto Díaz como Kirk son dous artistas avalados por anos dentro do circuíto da música tradicional galega.













