A colisión dunha furgoneta e un camión deixou ao condutor do primeiro vehículo atrapado, polo que precisou a axuda, neste caso, dos Bombeiros de Vilalba para saír.
Tras extraer a porta da furgoneta, que estaba bastante danada, os efectivos do parque comarcal conseguiron sacar o ferido para que recibise a asistencia médica necesaria. Segundo indicaron os bombeiros, presentaba varios traumatismos.
Así, foi atendido por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, posteriormente, trasladado ao centro hospitalario de referencia.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento da vía, concretamente, da Axencia Galega de Infraestruturas completaron este operativo. Con todo, cómpre sinalar que non houbo vertedura de mercadoría porque o camión ía baleiro.







