Abel Caballero informou este luns da aprobación en Xunta de Goberno Local da compra de dúas parcelas situadas no Camiño Borralleiro, en Alcabre, nas proximidades do Museo do Mar. O alcalde destacou que a operación permitirá incorporar ao patrimonio municipal preto de 2.700 metros cadrados de terreo, a parcela denominada Fuerte conta cunha superficie de 2.107 metros cadrados, mentres que a parcela Vidreiros abrangue outros 586 metros cadrados.
O Concello aboará un total de 80.809 euros pola adquisición dos terreos, a parcela Fuerte ten un valor de 63.522 euros e a de Vidreiros, de 17.287 euros. As dúas parcelas están clasificadas como solo rústico de protección de costas e solo rústico de protección patrimonial. Caballero explicou que o obxectivo municipal é actuar sobre esta contorna para facilitar o uso público do litoral, expoñendo que “queremos mellorar a accesibilidade e eliminar os riscos dos accesos actuais, que son moi deficientes”. A incorporación das dúas parcelas permitirá así ao Concello avanzar na mellora dos accesos á praia do Cocho, reforzando a seguridade e as posibilidades de uso público dunha contorna situada xunto ao Museo do Mar.







