O Caudal Fest e o Concello de Lugo volven sumar esforzos para que a celebración dunha das grandes citas musicais de Galicia transcenda o ámbito estritamente cultural e contribúa tamén a poñer en valor o traballo do tecido asociativo da cidade.
No marco do acordo entre o festival e a Concellería de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo, ALUCEM, ALCER Lugo e AUXILIA Lugo estarán presentes no Caudal Fest cun espazo de visibilización propio dentro do recinto. Esta acción supón un fito destacado na traxectoria do evento, xa que é a primeira vez que as entidades contarán cun stand, permitíndolles achegar a súa actividade aos milleiros de asistentes que pasarán polo festival os vindeiros 18 e 19 de setembro sen que isto supoña ningún esforzo económico para as súas arcas.
Esta iniciativa de compromiso social permitirá aproveitar a capacidade de convocatoria e visibilidade do Caudal Fest como altofalante para tres entidades cunha ampla traxectoria en Lugo e cuxo traballo está directamente vinculado coa mellora da calidade de vida, a inclusión, a autonomía persoal e o acompañamento de diferentes colectivos.
ALUCEM, a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, naceu en 1996 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esclerose múltiple e das súas familias, desenvolvendo o seu traballo en toda a provincia de Lugo. Entre os seus servizos atópanse a fisioterapia, a atención psicolóxica, a terapia cognitiva, o traballo social, o respiro familiar, a actividade física ou o préstamo de material.
Pola súa banda, ALCER Lugo, Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en Lugo en 1981. O seu labor céntrase en ofrecer información, asesoramento e apoio ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias, ademais de desenvolver servizos e actividades dirixidos a mellorar a súa calidade de vida e promover a sensibilización e prevención en materia de saúde renal.
Completa esta colaboración AUXILIA Lugo, entidade fundada na cidade en 1972 e dedicada a favorecer a normalización, autonomía e inclusión das persoas con discapacidade física. O seu traballo abarca ámbitos como a eliminación de barreras arquitectónicas, o impulso da accesibilidade e o turismo accesible, a atención social e psicolóxica, a promoción da autonomía persoal, o ocio inclusivo e as campañas de sensibilización.
A presenza destas tres entidades no Caudal Fest supón así unha oportunidade para achegar o seu traballo a novos públicos, sensibilizar sobre las realidades das persoas ás que acompañan e reforzar a súa visibilidade nun espazo que reunirá durante dous días a decenas de milleiros de persoas.
A iniciativa enmárcase na vontade compartida do Concello de Lugo e o Caudal Fest de aproveitar o impacto e a dimensión pública do festival para xerar un retorno que vaia máis alá da música, integrando na súa celebración valores como a inclusión, a á sensibilización e o compromiso coa sociedade lucense.
A Casa do Concello, punto pioneiro de prepulseración para evitar aglomeracións
Camiñando nese mesmo espírito de colaboración cidadá e facilidades loxísticas, o Concello de Lugo e a dirección do festival puxeron en marcha unha importante novidade técnica para esta edición: a habilitación da planta baixa da Casa do Concello como punto oficial de prepulseración.
A medida permitirá que calquera asistente, especialmente os veciños e veciñanzas de Lugo, poida recoller e colocarse previamente a súa pulseira antes de baixar ao río. Deste xeito, os días mércores 16 e xoves 17 de setembro, a oficina municipal de atención facilitará este servizo co obxectivo de que os asistentes poidan dirixirse directamente ao control de seguridade unha vez no recinto, reducindo de xeito considerable os tempos de espera e garantindo un acceso fluído, cómodo e seguro.
Autobuses: duplícase o servizo de conexións gratuítas en autobús
A estreita colaboración entre o Concello de Lugo e o Caudal Fest volverá ter tamén un reflexo directo na mobilidade e na sustentabilidade do evento. Co obxectivo de facilitar os desprazamentos, reducir o uso do vehículo privado e ofrecer unha alternativa cómoda e segura para chegar ao recinto, o Concello duplica o servizo gratuíto de autobuses lanzadeira.
Os autobuses realizarán un traxecto continuo enlazando o centro urbano co recinto do festival:
- Punto de saída principal: Praza de Bretaña.
- Parada intermedia: Volta da Viña (Rúa Santiago).
- Destino: Inmediacións do recinto no Pazo de Feiras e Congresos.
- Horario do servizo: En ambas xornadas (venres 18 e sábado 19 de setembro), os autobuses funcionarán ininterrompidamente desde as 16:30 horas ata as 03:45 horas da madrugada.
- Frecuencia: Como mellora loxística, duplícase o servizo con saídas de dous autobuses cada 15 minutos, duplicando así a capacidade de transporte disposta en anteriores edicións para axilizar ao máximo os tempos de espera.







