Íntegro dará un novo paso na mellora das súas instalacións coa ampliación do Centro de
Recursos, un proxecto que permitirá dispoñer de máis espazos para a atención ás persoas
usuarias e mellorar as condicións de traballo do equipo profesional.
A primeira fase das obras, cuxo inicio está previsto para o último trimestre de 2026, contempla a
construción de tres novas aulas de atención específica, destinadas ao traballo individualizado e
en pequenos grupos coas persoas usuarias do centro de día e ocupacional. A intervención inclúe
tamén a creación de vestiarios masculinos e femininos para os profesionais da entidade.
A ampliación permitirá contar con espazos máis axeitados para desenvolver diferentes
intervencións e actividades, facilitando unha atención máis personalizada e adaptada ás
necesidades de cada persoa. Ao mesmo tempo, contribuirá a mellorar o confort e as condicións
nas que o equipo profesional desenvolve o seu labor diario.
O proxecto está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no
marco da convocatoria de subvencións IRPF 2025 destinadas á realización de programas de
interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto
sobre a Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sociedades.
Esta actuación constitúe a primeira de dúas fases previstas para a ampliación do Centro de
Recursos. O conxunto do proxecto está previsto que se complete ao longo de 2027, coa finalidade
de dotar a entidade de unhas instalacións máis amplas, funcionais e preparadas para dar resposta
ás necesidades das persoas con diversidade funcional.
Máis espazo para atender mellor, máis comodidade para traballar e novas posibilidades para
seguir avanzando na atención e no apoio ás persoas usuarias







