O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto institucional conmemorativo do Día da Muller que tivo lugar esta tarde no Teatro Jofre e no que se fixo entrega do XVIII Galardón 8M á cantante e pintora ferrolá María Manuela pola súa traxectoria persoal, artística e social, que a converte nun referente salientable no ámbito da cultura, da igualdade e do compromiso coa sociedade.
“A educación é a ferramenta máis potente para que podamos dar fin ás diferenzas impostas entre os xéneros. Nesa educación, son moi importantes os referentes e entre eles está a nosa homenaxeada hoxe”, manifestou Rey Varela.
Destaca na figura de María Manuela o seu impacto, “profundo e sostido” que “hoxe visibilizamos, como noutras ocasións fixeron outros galardóns que recibiu, como o Premio honorífico Martín Códax”. Pero, máis aló dos recoñecementos, “María Manuela non esqueceu as súas raíces e ao longo da súa vida foi tamén un referente humano, comprometéndose activamente coa súa contorna máis próxima”, incidiu o alcalde. “Sen dúbida, estamos ante unha muller inspiradora merecedora deste galardón do 8M”, engadiu.
Pola súa banda, a homenaxeada agradeceu ao Concello este recoñecemento.
TRAXECTORIA
Maria Manuela representa unha xeración de mulleres que romperon moldes nun contexto no que non sempre foi doado crear, expresarse e ocupar espazos públicos desde unha voz propia. A súa obra e a súa actitude vital estiveron sempre marcadas pola coherencia, a liberdade creativa e o compromiso coa cultura galega.
O seu labor transcende amplamente o ámbito artístico. Ao longo da súa vida foi tamén un referente comunitario, impulsando o Coro Ledicia do colexio actualmente co mesmo nome, o que é unha mostra clara dese compromiso coa educación, coa infancia e coa transmisión de valores a través da música, entendida como ferramenta de cohesión, aprendizaxe e identidade colectiva.
O seu recoñecemento continuado no mundo da música e da cultura galega, materializado en distintos premios ao longo do tempo, evidencia a relevancia dunha traxectoria que deixou pegada e que continúa inspirando novas xeracións. Á súa vasta discografía, súmanse fitos como a súa participación no proxecto ELAS co que se reivindica o papel das mulleres na sociedade galega ou a dobraxe da voz do personaxe da avoa no filme Valentina, de Chelo Loureiro.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 8M
A declaración institucional do 8M, que se presenta baixo o lema da ONU Dereitos. Xustiza. Acción. Para todas a mulleres e nenas, pon o foco na eliminación das barreiras que impiden a igualdade de xustiza.
O Concello de Ferrol súmase, un ano máis, ás reivindicacións do Día Internacional das Mulleres amosando o seu compromiso para continuar traballando e poñendo todos os seus esforzos na consecución dunha sociedade onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e liberdades. Así mesmo, para recoñecer o esforzo e o traballo realizado por numerosas xeracións de mulleres e para rexeitar as actitudes e discursos que minimizan ou obvian a existencia de desigualdades entre mulleres e homes. Rey Varela manifestou que “o obxectivo é claro: dar fin a calquera manifestación ou acto de discriminación directa ou indirecta por razón de sexo”, engadindo que “a igualdade debe ser unha meta a conseguir en sociedades como a nosa, que aspira a ser xusta e que pretende conseguir un maior progreso”.
O acto tamén serviu para reivindicar a necesidade do cese da violencia machista, que xa cobrou a vida de 10 mulleres no que vai de ano e de 1.353 desde que existen rexistros ao respecto. “Como sociedade, como administración pública, todos os nosos esforzos teñen que estar a carón das mulleres en situación de vulnerabilidade co obxectivo de que non teñamos que lamentar máis vítimas desta incomprensible lacra”, concluíu Rey Varela.












