Carballo acollerá do 6 ao 8 de marzo unha nova edición da Feira das Oportunidades (FOP2026), que se celebrará, como de costume, na zona de Rego da Balsa coincidindo coa primeira fin de semana de feira do mes. O evento, organizado polo Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, que este ano alcanza a súa maioría de idade, consolídase así como un dos grandes escaparates do comercio local, ofrecendo produtos de calidade a prezos moi competitivos.
A feira, presentada esta mañá no Concello de Carballo, contará cun total de 30 stands distribuídos entre o espazo interior da carpa e a zona exterior. No interior habilitaranse 27 expositores, incluída unha ampla zona infantil e un posto de información do CCA Carballo. No exterior, estarán presentes tres concesionarios locais, que exhibirán 41 vehículos de ocasión e KM0.
A superficie total destinada ao evento superará os 1.500 metros cadrados, reforzando así a dimensión dunha cita plenamente consolidada no calendario comercial da comarca.
Desde o CCA Carballo, o seu secretario Sergio Soneira subliñou que “a feira suma, edición tras edición, novos expositores, máis metros de superficie e máis vehículos en exposición, o que converte a este evento nun referente en toda a comarca e nunha ferramenta clave para reforzar a conexión entre o comercio de proximidade e a cidadanía, dinamizando así a actividade económica local”.
“O feito de que a Feira das Oportunidades alcance este ano a súa maioría de idade demostra que estamos ante unha cita plenamente consolidada e apoiada pola veciñanza. Son dezaoito anos impulsando o comercio local, xerando actividade económica e convertendo Carballo nun referente comercial na comarca. Desde o Concello imos seguir colaborando co Centro Comercial Aberto para fortalecer o noso tecido empresarial e dinamizar a vila con iniciativas que teñen un impacto directo na economía local e na vida social”, destacou o alcalde de Carballo Daniel Pérez, que acompañou aos membros da directiva na presentación da imaxe deste ano.
Pola súa parte, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, fixo fincapé en que “a Feira das Oportunidades é moito máis ca un evento puntual de venda. É un gran escaparate do potencial do comercio de Carballo, unha oportunidade para que a clientela descubra establecementos, marcas e profesionais que logo van acompañala ao longo de todo o ano. Esta feira serve para atraer público, fidelizar consumidores e proxectar a imaxe dun comercio moderno, competitivo e de proximidade que está vivo os doce meses.”
A programación incluirá tamén actividades específicas para o público infantil. A zona infantil, cunha superficie de 24 metros cadrados, contará cunha área permanente de xogos durante toda a fin de semana.
O sábado 7 desenvolveranse, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, talleres gratuítos de globoflexia, pintacaras e animación, e o domingo 8 será a quenda da IV Pequefeira, unha iniciativa xa consolidada que permite aos máis pequenos e pequenas converterse en comerciantes por unhas horas, poñendo á venda produtos artesanais elaborados por eles/as mesmos/as ou artigos de segunda man da súa propiedade. A actividade terá lugar de 12.00 a 14.00 horas e requirirá inscrición previa a través do correo electrónico info@ccacarballo.com , estando condicionada á participación dun número mínimo de inscricións. O prazo para anotarse rematará o venres 6.
Comercios participantes
Interior da carpa: Akira, Anxaima Tempo para Quererte, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, Buy&Sell, Calzados Susa, DV Carballo, Federópticos Nicolás, La Casita de Lu, Madeixalazos, Maker Store by AllKNOW, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, Refugallo Zero, Son Artesana, Studio M. Muiño, Sweet Spirit, Upa! Espazo Barefoot, www.regalosypersonalizados.com, Xoguetería Merliño, Zocas e Zuccaro.
Zona exterior (automoción): Grupo Dimolk (Peugeot-Nissan), Hyupersa Motor (Hyundai), Corgal Automóviles-Centauto (Kia-SWM).
Ademais, sumaranse á campaña arredor dunha decena de establecementos que participarán desde os seus propios locais: A Saia da Carolina, Comercial Queijo, Confecciones San Juan, D&A Complementos, Doces Soños, Ekaté, Emiliano Moda, Teirón e Zapatillería Isabel.
Desde o CCA Carballo agradécese expresamente a colaboración da Brigada Municipal de Obras, a Policía Local e a Agrupación de Protección Civil polo seu apoio na coordinación e posta en marcha do evento. A Feira das Oportunidades conta tamén co financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.












