O futbolista Álvaro Carreras foi o gañador da Carabela de Prata do Concello de Ferrol ao mellor deportista do 2025. O seu nome deuse a coñecer na XXXI Gala do Deporte Ferrolán, celebrada esta tarde no Auditorio e presidida polo alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela.
Carreras asinou un ano sobresaínte, sendo campión da Liga de Portugal co Benfica para posteriormente debutar co primeiro equipo do Real Madrid no que xoga actualmente e coa selección española de fútbol.
O rexedor felicitou a todos os premiados así como a aqueles que recibiron unha mención especial por parte do xurado nunha gala na que se outorgaron máis de 70 premios e distincións. “Nesta gala lembramos os mellores momentos da pasada temporada, recordos que fan que toda unha cidade se sinta orgullosa do talento e da capacidade dos nosos deportistas”, manifestou o alcalde, destacando especialmente os logros dos tres nominados á Carabela de Prata, Marta Canosa, Álvaro Carreras e Alberto Abalde. “Todos os premiados hoxe levan o nome de Ferrol por toda Galicia, por España e máis aló das nosas fronteiras en competicións internacionais”, engadindo que “os vosos éxitos son tamén os dunha cidade que vos segue e se sente representada por cada un de vós”.












