O accidente produciuse no lugar de Bosende mentres a persoa realizaba labores agrícolas. Malia a rápida mobilización dos servizos de emerxencia, os equipos sanitarios só puideron confirmar o falecemento no lugar.
O suceso tivo lugar contra as 20:25 horas deste serán. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dun particular que atopara ao seu veciño accidentado. Segundo a información facilitada, o home quedara atrapado entre o tractor e unha árbore mentres se atopaba cortando leña.
Axiña, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Arzúa, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia procederon ás tarefas de liberación para poder rescatar á persoa. Tras retirar o vehículo, os profesionais sanitarios desprazados só puideron certificar o falecemento do home.













