A Deputación da Coruña organizará, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o vindeiro 22 de marzo a IV edición da Proba Deputación da Coruña “Os 10.000 Peregrinos”, unha cita plenamente consolidada no calendario do atletismo en ruta que converterá novamente a capital galega nun referente do deporte popular e competitivo. A competición, incluída como proba internacional de Tipo II e baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, desenvolverase nun circuíto urbano con saída na rúa San Francisco e meta na Praza do Obradoiro.
A xornada contará cunha carreira de 10 quilómetros e outra de 5 quilómetros homologadas pola Real Federación Española de Atletismo, ademais dunha proba escolar de 2 quilómetros e dunha carreira participativa e inclusiva “Sen barreiras”, aberta a persoas de todas as idades e condicións físicas. O obxectivo é impulsar a práctica deportiva, promover hábitos saudables e ofrecer unha competición de gran relevancia no ámbito provincial e autonómico.
Segundo os datos actuais de inscrición, a resposta está a ser moi destacada, con 1.078 persoas xa rexistradas na proba de 10K, 568 na de 5K, 100 na carreira escolar e 70 na modalidade inclusiva. A inscrición é gratuíta e permanecerá aberta ata o 15 de marzo a través da web da proba https://os10000peregrinos.gal/ e de www.carreirasgalegas.com.
No plano deportivo, a proba de 10 quilómetros repartirá premios económicos para a clasificación xeral absoluta masculina e feminina, con 800 euros para os gañadores e cantidades decrecentes ata o oitavo posto. Ademais, haberá premios específicos para os mellores atletas galegos e galegas, que poderán alcanzar ata 500 euros para o primeiro clasificado autonómico, sempre sen carácter acumulable. A carreira tamén contempla un premio especial de 400 euros para quen consiga bater o récord da proba, actualmente en posesión de Mohamed El Ghazouany no apartado masculino, cun tempo de 30:07, e de Alice Finot no feminino, con 34:03. Ademais dos premios económicos, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos das probas de 10K, 5K e 2K, así como aos mellores de cada categoría no 10K.
A organización subliña tamén o prestixio deportivo acadado pola carreira, que nas súas edicións anteriores contou coa participación de atletas de primeiro nivel nacional e internacional. Sen ir máis lonxe, na pasada edición tomaron a saída figuras como Adrián Ben, Workneh Fikire, Yahya Aouina, Pol Oriach, Cristina Ruiz, Laura Santos ou Uxía Pérez, o que confirma a proxección e atractivo competitivo da proba.
O deputado de Deportes da Deputación, Antonio Leira, destacou que “Os 10.000 Peregrinos é xa unha das grandes citas do atletismo popular galego e un escaparate deportivo de primeiro nivel para a provincia”. Segundo sinalou, “o feito de contar con atletas de elite e ao mesmo tempo con miles de participantes afeccionados reflicte perfectamente o espírito desta carreira: unha proba aberta a todos os públicos”. Leira incidiu ademais en que “a participación crecente confirma o éxito dun modelo que combina promoción da saúde, dinamización social e proxección turística”.
A entrega de dorsais realizarase na Praza do Obradoiro o sábado 21 de marzo e o domingo ata media hora antes de cada saída, mentres que a cerimonia de premios terá lugar tamén neste emblemático espazo a partir das 13:10 horas.












