A portavoz de Montes do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel esixiulle á Xunta de Rueda que devolva ás comunidades de montes veciñais de forma xusta e transparente, sen impoñer ás comunidades débedas calculadas unilateralmente pola Administración, sen transparencia pública suficiente.
“A Xunta non pode presentarse como defensora das comunidades de montes mentres lles pasa a factura dúas veces: primeiro quedando cunha porcentaxe das vendas durante décadas e agora reclamando débedas calculadas á súa maneira”, expresou.
Criticou así un proceso de devolución “marcado pola opacidade” porque estas débedas foron calculadas “de forma unilateral pola Xunta”, sen que exista un informe público desagregado por monte que detalle os investimentos realizados, os ingresos xerados e o saldo final de cada consorcio.
Alén diso, engadiu que a Administración non distingue con claridade entre investimentos financiados con fondos propios e aqueles sufragados con subvencións doutras administracións, que en ningún caso deberían ser repercutidos como débeda sobre as comunidades de montes. “Se os investimentos se fixeron con subvencións públicas, non se poden converter en débeda privada das comunidades de montes; é unha cuestión de xustiza básica”, afirmou, apuntando que en concellos como Porto do Son, estas entidades recibiron a reclamación de centos de miles de euros en débedas que “os poñen contra as cordas”.
Segundo lembrou, a Xunta prorrogou até decembro de 2027 o proceso para extinguir os consorcios e convenios forestais e transformalos en contratos temporais de xestión pública ou devolver a xestión directa ás comunidades.
Segundo datos da propia Consellaría, desde 2018 canceláronse 427 convenios, devolvendo a xestión de entre 70.000 e 75.000 hectáreas. Con todo, o Goberno galego pretende manter baixo xestión pública entre 150.000 e 200.000 hectáreas, condicionando en moitos casos a devolución ao pagamento de débedas. Indicou que se estiman 150.000 hectáreas afectadas e que as débedas que se sitúan entre 15.000 e 165.000 euros por comunidade.
Valcárcel denunciou ademais que os novos contratos de xestión pública, cunha duración de arredor de dez anos, preséntanse como voluntarios pero, na práctica poden ser contratos “baixo presión” se a alternativa é pagar débedas inasumíbeis ou quedar sen apoio público”. “Os novos contratos de xestión pública non poden ser un ‘ou asinas ou pagas’: a adhesión ten que ser realmente voluntaria e en mesa paritaria coas comunidades.”, advertiu.
As demandas do BNG
O BNG esixe que a adhesión a eses contratos sexa efectivamente libre, que revise a metodoloxía de cálculo das débedas, distinguindo os investimentos realmente útiles para as comunidades das decisións erradas de planificación e especificando sempre a orixe dos fondos empregados. Pediu tamén a publicación dun informe completo e desagregado de todos os consorcios e convenios, con datos de superficie, titularidade, investimentos, ingresos e saldo final para cada monte.
O BNG defende ademais a posibilidade de condonar total ou parcialmente as débedas naqueles casos en que se acredite que a Administración xa recuperou cos ingresos xerados o investimento realizado, ou que as comunidades asumiron custos non contabilizados. Por último, o grupo nacionalista reclama que calquera contrato de xestión pública se negocie e faga seguimento nun órgano paritario Consellaría–comunidade, garantindo que as comuneiras sigan a ser xestoras e non simples rendistas.
Na súa réplica á nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luísa Piñeiro, Valcárcel recriminoulle que “os problemas de fondo seguen practicamente onde estaba que non respondeu a se a voluntariedade é verdadeiramente voluntaria ou unha “ficción, un “ou asinas ou pagas”. Tampouco aclarou se van revisar a metodoloxía de cálculo das débedas e se van distinguir con claridade que parte dos investimentos se fixeron con fondos da Xunta e cal con subvencións públicas.
“Despois de escoitala seguimos igual, sen garantías de que a débeda non se use para forzar contratos voluntarios. Iso non é política forestal. Sen as contas claras, non haberá paz social no monte galego”, afirmou.
A portavoz de Montes do BNG no Parlamento rematou apuntando que, despois da intervención da directora xeral, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM) terán a sensación de que a Administración as considera máis como debedoras, e polo tanto como problema a controlar, ou como suxeitos de dereito e aliadas estratéxicas da xestión do monte galego.













