O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, propuxo no Parlamento un acordo de País para protexer o sector da pesca fronte as présas por instalar parques de eólica mariña e converter o mar galego “nun polígono industrial” ao servizo do lobby eléctrico. “Pretender converter hoxe o noso mar nun mar de sacrificio para probar a gran escala unha tecnoloxía que os principais organismos internacionais aínda sitúan en fase de aprendizaxe é , cando menos, profundamente imprudente”, alegou.
Golpe defendeu no Pleno unha moción non para pecharlle portas ao futuro dunha tecnoloxía que aínda está en fase inicial, dixo, senón para esixirlle á Xunta que non se poña á fronte da carreira das poxas da eólica mariña “sen ter garantido nin sequera o mínimo respecto ao sector pesqueiro”.
O BNG defende, explicou, que antes de calquera ampliación de zonas ou de calquera poxa ten que haber informes científicos serios sobre o impacto ambiental e socioeconómico da eólica mariña, e que ten que respectarse o “principio de precaución” e os dereitos históricos da pesca galega.
É por iso que o deputado galego emprazou á conselleira do Mar, Marta Villaverde, a aclarar se comparte os plans da Consellería de Industria que, tal e como expresou a súa titular, María Jesús Lorenzana, pretende que Galiza sexa das primeiras CCAA en acoller as poxas anunciadas polo Goberno do Estado. “Que di a conselleira do Mar sobre as declaracións da súa colega e que opina sobre as incertezas que existen en materia eólica mariña?”, preguntou.
O deputado, que emprazou a Rueda a desautorizar a Lorenzana, situou a iniciativa nacionalista fora do debate sobre as renovables ou sobre a eólica mariña e enmarcouna exclusivamente nos obxectivos de preservar a biodiversidade da nosa costa e non poñer en risco un sector —o do mar— que aporta o 5 % do PIB do País “por un negocio que, ademais, Galiza non precisa para descarbonizarse nin para garantir o subministro eléctrico”.
“Galiza non pode ser unha terra e un mar de sacrificio. Galiza precisa seguir sendo un pais de portos vivos e dun mar con futuro”, subliñou o deputado, insistindo en que o que defende o BNG é que “non se sacrifique a nosa primeira potencia económica estratéxica no mar para engordar beneficios de empresas que levan décadas espoliando os nosos recursos”.
Xosé Manuel Golpe avogou por aplicar o “principio de prudencia” fronte as presas do Goberno de Rueda por pregarse de novo aos intereses do lobby das eléctricas e subliñou, neste punto, que “mesmo os grandes actores recoñecen que a eólica mariña flotante en augas profundas non é aínda unha tecnoloxía madura de despregue masivo”.
Criticou, neste sentido, que a pesar diso o Goberno español insista en acelerar a implantación da eólica mariña nas zonas que, no caso galego, coinciden de cheo cos caladoiros históricos. Segundo dixo, o sector —confrarías, organización de produtores ou armadores— teñen constatado que nin o primeiro ciclo dos POEM (plans de ordenación do espazo marítimo) nin este segundo introduciron ZUP específicas para pesca e que non se garantiu a exclusión das zonas de maior intensidade pesqueira.
No transcurso da súa intervención, o deputado nacionalista subliñou así mesmo que o único estudo “preliminar” e que se recoñece aínda incompleto é o elaborado polo IEO e o CSIC. Este estudo, explicou, xa da conta de que, nun escenario de ocupación das zonas de alto potencial, as capturas poderían caer un 4 %, arredor de 5.000 toneladas anuais, o que suporía unha perda de máis de 11 millóns de euros en primeira venda, sen contar a cadea de valor nin a frota artesanal de menos de 12 metros.
A moción do BNG debateuse hoxe pero será votada mañá en Pleno. “Se o PP e o PSOE votan en contra, estarán a dicirlle á xente do mar que as súas preocupacións valen menos que as presas do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) e as expectativas do oligopolio eléctrico”, advirte o portavoz nacionalista de Enerxía












