Tanxugueiras está de aniversario. Tras unha década marcando un antes e un despois na música galega, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro anuncian o seu regreso subindo de novo ao escenario do recinto máis grande do noroeste peninsular: o Coliseum da Coruña. As entradas para a cita, que terá lugar o 17 de outubro, estarán dispoñibles desde as 12:00 horas do mércores 4 de marzo na páxina web oficial de Tanxugueiras.
O directo, que será a única oportunidade de ver o grupo en Galicia ao longo de 2026, preséntase como un concerto único e exclusivo. Alén de celebrar os seus dez anos enriba dos escenarios, esta actuación marca un momento profundamente simbólico na súa traxectoria: a estrea en directo no país do seu cuarto traballo discográfico, O Cuarto.
Este álbum, producido xunto con Iago Pico e Gabi Fernández, reflicte a evolución artística do trío cara a unha proposta máis madura e reafirma o seu compromiso coa lingua e o folclore galegos, piares esenciais da súa identidade.
O regreso ao Coliseum volve representar, como xa acontecera en decembro de 2023 -no peche da Xira Diluvio, e no que fixeron historia ao ser o primeiro grupo galegofalante que penduraba o cartel do ‘sold out’ no recinto, no que reunieron preto de 9.000 personas-, un reencontro cheo de significado: un momento musical, cultural e comunitario de máxima intensidade co seu público máis fiel e con todas aquelas persoas que se foron sumando ao longo destes anos.
A cita no Coliseum simboliza así moito máis ca un concerto: será unha noite concibida para compartir, emocionarse e conmemorar dez anos de historia, ademais de marcar o comezo dunha nova etapa para o trío que revolucionou a música galega.












