“Jrasias por confiar”. Así arranca o cuarto LP de The Rapants, titulado Rapants Club, un álbum no que os muradáns queren agradecer ao seu público a súa compañía nestes anos. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos desde a primeira escoita definen un traballo que, aderezado coa naturalidade e honestidade que caracteriza ao grupo, consolida o papel e a identidade dunha formación que é moito máis que unha banda de guitarras: é toda unha referencia no panorama actual galego.
The Rapants dá un paso adiante, saca músculo e presenta neste Rapants Club -xa dispoñible nas plataformas dixitais– o álbum máis fiel ao carácter e gustos do cuarteto: son unha ducia de temas chamados a ser novos himnos para toda unha xeración. Influencias dos 70 aos 2000, do disco ao rock pasando polo indie, escóitanse en Jrasias Por Confiar, Tranquila, Todo Era Veneno, Máis Bicos Que Rosas, Suave, Por que son así, Ancoradoiro, Sin Medo, 22, Vai Ser Ijual (con versos épicos como “quero jastarme máis contijo que na AP9” ou “que a morte nos pille nun pogo a punto de romper”) ou a xas coñecidas Viaxei e Non Sei Como. Todas forman parte dun conxunto de doce cancións bonitas e atemporais nas que a lírica rapante segue a destacar por afiada, certeira e próxima ao seu público.
Para este cuarto LP, The Rapants contou coa experiencia na produción dunha tríade de profesionais que axudaron a acadar o álbum máis rapante dos publicados até o momento. Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha), Raúl Pérez (La Mina) e Miguel León (Boavista) deron pé á modernización do son da banda, animándoa a xogar e explorar no seu proceso creativo: Rapants Club é un recompilatorio musical e visual que mostra o xeito de entender a vida dos seus membros, con músicas de todos os estilos e enerxías, pero sempre desde a emoción máis sinceira.
Desta volta, ademais, The Rapants con tres colaboracións. Alén da xa coñecida incursión, por vez primeira no galego, de Joe Crepúsculo -no tema Non Sei Como, o primeiro sinxelo do disco-, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra) suman as súas voces a Por que son asi.
Máis de 5.200 entradas vendidas para Sar
A grande inauguración do Rapants Club terá lugar o sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Será unha gran festa para a música galega, logo de que os rapantes ampliaran a capacidade de asistencia: xa van máis de 5.200 entradas despachadas para a ocasión, na que se poderán escoitar por vez primeira ao vivo todos os temas do novo disco e, por suposto, celebrar algún dos grandes éxitos da traxectoria da banda. Os últimos billetes para acceder á apertura do Rapants Club están dispoñibles en www.ataquilla.com
Escoita Rapants Club
https://links.altafonte.com/rapants-club
Videoclip Viaxei
https://youtu.be/B01pSvmoECA
Videoclip Non Sei Como
https://youtu.be/6NTyDY6S01w












