Unha persoa faleceu esta tarde no concello da Pobra do Brollón tras sufrir un accidente cun tractor. A pesar do importante despregue de medios, que incluíu a mobilización dun helicóptero medicalizado, nada se puido facer por salvarlle a vida.
O suceso tivo lugar na parroquia de San Cosme de Liñares arredor das 15:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada do propio implicado, quen indicaba que sufrira un sinistro co seu tractor e precisaba asistencia médica urxente, aínda que non se atopaba atrapado polo vehículo.
De inmediato, desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Monforte, do GES de Quiroga, da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil. Así mesmo, informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.
Finalmente, e malia os esforzos do persoal sanitario desprazado, nada se puido facer por salvarlle a vida á persoa.













