O Concello de Muxía desenvolverá durante o mes de novembro un programa de actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o próximo 25 de novembro. A iniciativa inclúe accións de sensibilización, participación veciñal e reivindicación social baixo o lema «Sacando os trapos sucios fóra».
Un dos actos centrais será a presentación do IV Plan de Igualdade Municipal contra a Violencia de Xénero, prevista para o 19 de novembro, ás 9.30 horas, no Salón de Plenos do Concello.
«Sacando os trapos sucios fóra», unha iniciativa para visibilizar o machismo
O 25 de novembro, a Praza Cabo da Vila converterase no escenario de varias actividades de concienciación. Unha delas será a acción participativa «Sacando os trapos sucios fóra», que invita á cidadanía a coller un pano e escribir nel aqueles comentarios, xestos ou actitudes machistas que detecta no seu día a día.
Os panos colgaranse nun tendal colectivo como símbolo da necesidade de identificar, denunciar e combater comportamentos machistas que continúan presentes na sociedade.
Mandís contra a violencia machista na hostalaría e nas rúas
A programación inclúe tamén o reparto de mandís reivindicativos dirixidos aos establecementos de hostalaría e á veciñanza.
A acción desenvolverase o propio 25 de novembro na Praza Cabo da Vila e busca trasladar unha mensaxe clara de respecto e igualdade aos bares, negocios e espazos públicos.
Baixo o lema de que nas rúas e nos bares esiximos respecto, o Concello pretende implicar diferentes sectores da sociedade na loita contra a violencia machista.
Lectura do manifesto do 25N ás 12.00 horas
Outro dos momentos destacados da xornada será a lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O acto celebrarase o 25 de novembro ás 12.00 horas na Praza Cabo da Vila. Incluirá unha intervención do alcalde de Muxía, Javier Sar, e a lectura do manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Aurelia Picallo.
Un mural simbólico e a iluminación violeta
As actividades de sensibilización estenderanse tamén ao ámbito educativo. Durante o mes de novembro realizarase un mural simbólico no IES Ramón Caamaño.
Ademais, o programa contempla o acendido simbólico da iluminación violeta, unha cor que representa a loita pola igualdade e o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Con este calendario de actividades, Muxía súmase á conmemoración do 25N cunha programación que combina información, participación cidadá e reivindicación colectiva para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia machista.











