A organización da Festa da Carballeira de Zas puxo en marcha onte ás 20:00 horas a venda dos primeiros bonos para a 41ª edición do festival, que volverá reunir na Carballeira do Velar de Zas os días 7 e 8 de agosto a miles de persoas amantes da música folk, a cultura e a tradición.
Como novidade nesta primeira fase, a venda ábrese sen anunciar aínda o cartel desta edición. Para premiar esa confianza do público, habilitaranse prezos especiais para os primeiros abonos, cun sistema progresivo de venda anticipada:
• 100 primeiros bonos: 15 €
• seguintes 300 bonos: 18 €
• Resto de bonos: 21 € (prezo regular desta edición)
A organización recomenda ás persoas interesadas que estean pendentes da apertura da venda, xa que estes primeiros tramos adoitan esgotarse en pouco tempo.
Un festival consolidado no panorama folk
A Festa da Carballeira de Zas é hoxe un dos festivais de música folk máis importantes de Galicia e do panorama estatal, cunha traxectoria de máis de catro décadas reunindo artistas de referencia da escena galega, estatal e internacional.
Co paso dos anos, a Carballeira foi medrando ata consolidar unha programación que combina concertos, gastronomía, artesanía, actividades familiares e espazos para todas as idades, mantendo sempre o seu espírito comunitario e o vínculo coa cultura popular galega.
Un encontro que dinamiza o territorio
Cada verán, a Festa da Carballeira convértese tamén nun importante motor social e económico para o concello de Zas e para toda a comarca da Costa da Morte, atraendo visitantes que dinamizan o sector hostaleiro, os comercios e os servizos locais durante a fin de semana do festival.
Nas próximas semanas daranse a coñecer as primeiras confirmacións do cartel da 41ª edición, así como as principais novidades da programación deste ano.
Venda de bonos
Os bonos pódense adquirir online dende onte a través das canles oficiais da Festa da Carballeira de Zas: https://www.festadacarballeira.com/












