Un ano máis a Feira do Queixo de Moeche superou as
expectativas. Ao longo de todo o día o recinto feiral reuniu a mulitude de persoas chegadas de
toda a contorna para degustar e mercar nalgunha das 35 queixerías participantes nesta oitava
edición ou dos 32 postos de produtos agroalimentarios que fixeron da cita deste ano a de máis
elevada participación ata agora.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou que -a diferencia do sucedido outros anos, nos que a
meirande concentración de xente era a mediodía- nesta ocasión e desde ben cedo produciuse
unha afluencia de público moi continuada. Os espazos de aparcamento enchéronse coa
cantidade de vehículos que se desprazaron ata o recinto feiral de Moeche, e no Tren do Queixo
viaxaron ata a localidade 135 persoas.
A presenza por vez primeira do mercado de produtos agroalimentarios da Deputación da
Coruña foi outro aliciente para atraer a novo público, segundo a alcaldesa, que expresou a súa
satisfacción porque desde os postos se lle transmitu que as vendas foron moi elevadas “e que
estaban moi contentos, así que se eles están contentos, nós tamén”.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que percorreu a feira coas representantes do
Concello, explicou que desde os postos do mercado da institución -dos que a maioría viñan por
vez primeira a Moeche- se lles comentou que se produciu un gran impacto, que houbo un
público moi interesado e moitas vendas. “Para nós é moi importante porque o obxectivo é dar
a coñecer as empresas que están traballando no rural, incorporando xente xove ao sistema de
produción de alimentos”, dixo, para engadir que se trata de favorecer que se compren produtos
de proximidade. O éxito da Feira do Queixo é tal que Regueira asegurou que “aquí o que nos
está dando soporte ao mercado da Deputación é xustamente esta feira e non ao revés”, pola
súa potencia e afluencia de público. Neste sentido anunciou que, á espera de confirmar o que
xa lle avanzaron os produtores en canto aos resultados desta presenza en Moeche, é moi
probable que o mercado da Deputación repita.
A queixería asturiana Temia, da DOP Afuega’l Pitu, que vén por terceiro ano á feira, confirmou
que estivo moi animada, con moi boa disposición de compra por parte dos clientes, e
agradeceu ao Concello que este ano fosen a queixería convidada. Este tipo de feiras, dixo a
súa responsable, Verónica Álvarez, son un valor engadido para dar a coñecer o seu produto,
no seu caso procedente dunha pequena aldea de oito habitantes onde traballan de maneira
totalmente artesanal.
Pola súa banda, desde Lácteos de Moeche, Senén Ramos incidiu no constante crecemento da
feira. “A verdade é que este ano a promoción foi espectacular e estamos todos os postos
vendo que máis queixo tiñamos que ter para vender hoxe”, apuntaron.
A afección polo queixo foi, sen dúbida, o máis importante motivo para atraer visitantes, pero
contribuíu tamén o programa que completou a feira, desde as mostras de cociña do
prestixioso chef André Arzúa ata os obradoiros de elaboración de queixo e cerámica, as catas
comentadas do mestre queixeiro Alejandro Valladares ou os sorteos. As actuacións dos
gaiteiros Fiúncho, Peter Punk Pallaso e De Ninghures -que pechou a actividade- amenizaron a
xornada, mantendo en todo momento a actividade arredor do recinto ferial.
As persoas que se desprazaron ata Moeche tiveron tamén a posibilidade de realizar visitas ao
castelo, no que durante a fin de semana estivo aberta unha exposición de madeira, pintura,
cestería e cantería do veciño da parroquia de San Xurxo José Luís Beceiro Calvo, coa
colaboración da AVCR Val de Moeche.













