O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, cualificou como “neglixente” a actuación da Consellería de Medio Rural na xestión das axudas para a incorporación de mozos e mozas ao agro e os plans de mellora de explotacións. Durante a súa intervención no Parlamento, o deputado nacionalista acusou o Goberno de Rueda de “anarquía total e absoluta” na administración destes fondos, considerados “os programas estrela para o sector agrario galego”.
Fernández detallou a evolución negativa das convocatorias, sinalando que no ano 2024 se denegaron o 71% das solicitudes de plans de mellora, con casos paradigmáticos como o de Ourense, onde só se aprobou o 19% dos expedientes. No ano 2025, a consellería eliminou as opcións para novos agricultores de entre 41 e 55 anos e deixou sen resolver 374 expedientes que cumprían os criterios. “Chegamos ao 2026 cunha orde que retoma os expedientes do 25, pero sen plans de mellora e sen novas altas para maiores de 41 anos”, denunciou.
O deputado nacionalista criticou a redución do orzamento efectivo destinado a estas axudas. Segundo explicou, mentres en 2024 se convocaron 47 millóns de euros, en 2025 a cifra baixou ata os 36 millóns, dos que só se executaron 5,5. Para 2026, aínda que a consellería anunciou 53 millóns, Fernández advertiu que “30,5 xa se gastaron o ano anterior”, polo que a inversión real é de 22,5 millóns. “Pasamos de 47 a 22,5 millóns. Unha caída de máis do 50% na inversión”, afirmou.
O representante do BNG subliñou o impacto negativo desta xestión non só para os agricultores, senón para todo o tecido económico do rural. “Cada posto de traballo no sector agrario xera moito ao seu redor. A denegación destas axudas é un golpe moi grande para as pequenas e medianas empresas de construción, os negocios de materiais e maquinaria, e os gabinetes técnicos das vilas e cabeceiras de comarca”, sinalou.
Finalmente, Secundino Fernández defendeu a necesidade de “abrir as mentes” e de aprobar un programa coñecido e plurianual que garanta o futuro do agro galego. “Hai que poñer todo o noso empeño en apoiar as mulleres e homes que resisten no sector e, por suposto, facilitarlle o camiño ás mozas e mozos que queren aventurarse nun sector que atravesa un incerto presente”, concluíu.













