A Deputación da Coruña desenvolveu este mércores no CEIP Luís Seoane de Oleiros a actividade “Un mar de cambios”, unha iniciativa educativa orientada a sensibilizar á mocidade sobre a importancia de protexer os ecosistemas mariños e reducir o impacto ambiental.
A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na xornada e destacou o valor da educación ambiental como ferramenta clave para avanzar cara a unha sociedade máis sostible. “É fundamental incorporar desde idades temperás valores de respecto e coidado do medio natural, fomentando hábitos responsables que contribúan á protección dos nosos mares”, sinalou.
Durante a actividade, o alumnado achegouse a conceptos clave sobre a importancia da conservación dos océanos e a necesidade de adoptar comportamentos responsables no día a día que contribúan a este fin. A través de dinámicas participativas, os nenos e nenas puideron comprobar como pequenos xestos cotiáns poden ter un impacto positivo na saúde dos ecosistemas mariños.
A iniciativa enmárcase no compromiso da Deputación da Coruña coa educación ambiental dos máis novos e coa promoción de accións que contribúan a formar unha cidadanía máis consciente, implicada e respectuosa co medio natural.













