Unha fuga de auga produciu un curtocircuíto no cadro de luces e orixinou un incendio, a raíz deste lume produciuse unha nova fuga de auga que afectou ao cuarto dos contadores do edificio situado na rúa De Fontán.
Os Bombeiros herculinos indicaron minutos antes das 11:00 horas de que o lume estaba apagado, tiveron que ventilar todo o edificio porque había moito fume e moita carga térmica nas escaleiras. De feito, segundo o seu relato, unha veciña viuse afectada con síntomas de asfixia porque abriu a porta da súa casa e o fume invadiu a vivenda. Con todo, foi atendida no punto polos profesionais sanitarios para, posteriormente, trasladala ao centro hospitalario. Ademais, os Bombeiros comunicaron que outras tres mulleres resultaran afectadas, aínda que só unha delas precisou ser trasladada polos sanitarios.
O 112 Galicia recibiu o aviso deste suceso ás 09:15 horas desta mañá. Un particular chamaba a esa hora para informar de que ardía o cadro eléctrico do edificio.
Os Bombeiros da cidade, tras ser avisados polo 112 Galicia, ademais de dar indicacións aos alertadores para que non saíran dos domicilios, acudiron de inmediato ao lugar. Tamén foron informados o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Policía Local e Nacional e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Coruña.













