O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, vén de rexistrar iniciativas de urxencia para exixir ao Goberno do Estado a modificación do Real Decreto 316/2026 co obxectivo de incluír as persoas apátridas –na súa maioría saharauís- no procedemento de regularización extraordinaria aprobado no último Consello de Ministros e Ministras.
A formación nacionalista valora que a nova regulación implica un avance ao garantir o acceso en igualdade a servizos públicos básicos para millares de persoas migrantes. Porén, denuncia que a exclusión explícita das persoas apátridas deixa fóra precisamente a un dos colectivos máis vulnerábeis.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, sinala que “non ten sentido que o Goberno alegue unha suposta situación de regularidade das persoas solicitantes de recoñecemento do estatuto de apátrida cando, na práctica, non poden traballar nin acceder a dereitos básicos mentres non se resolve o seu expediente”. Neste sentido, cualifica a medida de “inxusta e discriminatoria”, ao tempo que lembra a responsabilidade histórica do Estado español co pobo saharauí.
Rego incide na necesidade de que “o executivo rectifique de inmediato esta exclusión e garanta que as persoas saharauís, coa condición legal de apátridas, poidan acceder ao proceso de regularización extraordinaria en igualdade de condicións que o resto de persoas migrantes”.
“O Goberno debe rectificar o Real Decreto 316/2026 para permitir o acceso ao proceso de regularización extraordinaria das persoas apátridas, facilitando así a regularización das persoas saharauís residentes no Estado español” exixe o deputado nacionalista.
Do mesmo xeito, Rego Candamil urxe o Goberno a avanzar no proceso de descolonización do Sáhara Occidental, en liña coas resolucións das Nacións Unidas, e impulsar o labor da MINURSO para facer posíbel a realización do referendo de autodeterminación do pobo saharauí.
O deputado do BNG subliña que esta rectificación é “unha cuestión de xustiza e de cumprimento dos Dereitos Humanos” e, se non o fixer, estará dando as costas, “máis unha vez, ao pobo saharauí”.













