Dúas persoas tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario tras resultar afectadas pola inhalación de fume nun incendio rexistrado esta tarde nunha vivenda situada na Avenida de Samil, na zona de Navia, en Vigo.
O aviso recibiuse no 112 Galicia pouco despois das 14:30 horas, a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaba dun lume no interior dun apartamento e da posible necesidade de asistencia sanitaria para varias persoas.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Vigo, a Policía Nacional e Local, así como efectivos de Protección Civil.
Xa no punto, os equipos de extinción confirmaron que o incendio se iniciara na cociña, xerando unha intensa fumareda que afectou ao mobiliario da mesma. Como consecuencia, dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia para recibir atención médica.













