Un pescador tivo que ser rescatado a última hora da tarde tras sufrir unha caída de aproximadamente cinco metros de altura no lugar de Fornelos, en Salvaterra de Miño.
O home atopábase desmontando unha estrutura utilizada para a pesca da lamprea cando se precipitou polo desnivel, quedando na beira tras bater contra unhas rochas e sen posibilidade de acadar un camiño accesible pola súa propia conta debido ás súas lesións.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 20:40 horas e, de inmediato, coordinou un operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Porriño, o GES de Ponteareas e os axentes da Garda Civil.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia traballaron conxuntamente para asistir ao ferido e proceder á súa evacuación por terra, salvando as dificultades do terreo ata chegar á ambulancia. Finalmente, tras ser estabilizado polos profesionais sanitarios, o pescador foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.













