O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, censurou a pasividade do Goberno de Rueda ante o preacordo estatal do sector do comercio téxtil e do comercio vario, que cualificou de «demoledor» para as condicións laborais e salariais das traballadoras galegas. Durante a súa intervención na comisión parlamentaria, Fernández preguntou directamente ao secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais: «Por que a Xunta do Partido Popular está a colaborar para conxelar o salario de máis de 35.000 persoas que traballan neste sector, na súa gran maioría mulleres?».
O deputado nacionalista advertiu de que o convenio promovido pola patronal ARTE (que agrupa a Inditex, Mango, H&M, entre outras) implicará perda salarial, redución de retribucións en baixas médicas, supresión de licenzas e unha «dobre escala salarial» que xerará inestabilidade e conflitividade. «Os convenios estatais establecen peores condicións que os provinciais ou autonómicos», subliñou.
Mon Fernández puxo como exemplo o Goberno vasco, que «axudou activamente a que sindicatos e patronal asinasen un acordo autonómico para protexer os convenios provinciais vascos». Pola contra, criticou que a Xunta, a pesar de dispor dun orzamento de case 200 millóns de euros en transferencias a empresas privadas, non empregue esa capacidade de interlocución para evitar que «nunha negociación a porta pechada en Madrid leven o salario as traballadoras galegas».
O deputado recordou que este vindeiro luns as empregadas do comercio realizarán a súa sexta xornada de folga, sen que o departamento de Relacións Laborais mostrase «o máis mínimo interese» pola súa situación. «Vostedes saben perfectamente o que implica a conxelación salarial para 35.000 persoas que pagan piso, calefacción, alimentación, libros para os coles e coches con ese salario. Que opinan? Nós, se gobernásemos, chamariamos as partes a negociar, como se fixo en Euskadi», concluíu.













