A concelleira de Formación, Natalia Hermida, deu a coñecer o contido desta formación, que forma parte da “aposta municipal para dar novas posilidades de inserción laboral ás persoas desempregadas”.
Con 200 horas lectivas máis 15 de módulos transversais, o curso combina formación teórico-práctica no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.
O programa abrangue materias como organización e reposición de produtos, procedementos de cobro e pago, loxística e técnicas de venda, comunicación e atención á clientela, e prevención de riscos laborais. Inclúe ademais módulos de perspectiva de xénero, orientación laboral, emprendemento, sensibilización medioambiental e TIC aplicadas á profesión. A formación está prevista para o período comprendido entre o 1 de xuño e o 3 de agosto de 2026.
As clases no centro desenvolveranse de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, ata o 6 de xullo; a partir do 7 de xullo iniciaranse as prácticas nas empresas colaboradoras, cunha xornada de cinco horas diarias en horario a determinar.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o 19 de maio ás 8:30 horas ata o 25 de maio ás 13:30 horas.
As instancias poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Narón —en horario de 8:30 a 13:30—, na Sede Electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común. A selección realizarase por orde rigorosa de inscrición. Tamén se admitirán solicitudes de persoas empadroadas noutros concellos se quedasen prazas sen cubrir. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a sección de Formación e Actividades Municipais da web do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00, extensión 1123.













