O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. Ademais, o resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, AÉROKORDA e LENI PÉREZ & SEKADRA como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Os finalistas, con sons de raíz atlántica, bretoa e galega, determináronse mediante un sistema de cinco votos. O primeiro, derivado da votación popular na páxina web do Festival, onde se recibiron milleiros de votos durante as semanas de participación en liña. As outras catro puntuacións proviñeron dun xurado profesional elixido pola organización do Festival. Este comité avaliador, encargado de analizar a relación de cada proposta coa filosofía e a tradición musical propias do Festival, estivo integrado por catro persoas. Unha representante do departamento de Comunicación do Festival; por outra banda Eva Fernández, xornalista enfocada na difusión da cultura tradicional galega e editora da revista dixital “Rebelico”; tamén exerceu de xurado Pablo Martínez, en representación da Escola de Gaitas; e como cuarto integrante, Manel López, técnico de Cultura do Concello de Ortigueira.
O xoves 9 de xullo as tres formacións actuarán no Escenario Estrella Galicia, onde un novo xurado seleccionado polo Comité Organizador do Festival determinará o grupo gañador, que volverá subir ao escenario en 2027 dentro da programación ordinaria do Festival e acudirá ao Festival Internacional Sierra Celta no marco das Xornadas Medievais do Concello de Cortegana (Huelva).
A selección foi complicada, segundo admite o xurado, pero acabou coincidindo no resultado co xurado popular, dando como resultado os seguintes gañadores.
JDC, liderada por Jesús del Castillo, é unha formación que chega desde Madrid e, tras alzarse coa vitoria no Concurso Runas en 2022, regresa agora ao certame cunha proposta renovada, que destaca pola forza instrumental e a personalidade das súas composicións propias.
AÉROKORDA chega desde Bélxica presentando unha proposta marcada pola fusión de músicas atlánticas e folk contemporáneo, incorporando influencias bretoas e europeas nun directo dinámico e festivo. O grupo destaca pola riqueza dos seus arranxos e a conexión entre tradición e modernidade.
LENI PÉREZ & SEKADRA únense nesta edición do concurso e fusionan a tradición galega con novas sonoridades folk, construíndo un repertorio que combina sensibilidade, potencia escénica e composicións orixinais. A súa proposta reflicte unha visión actual da música tradicional, mantendo sempre o vínculo coas raíces galegas.












