O PPdeG esixe que se manteña o texto acordado por unanimidade no Parlamento galego para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia, tras coñecerse as emendas transaccionais pactadas por PSOE, Sumar e BNG e que rebaixan o acordo acadado por unanimidade no Parlamento de Galicia. «O único que evidencia é o interese destes grupos en marxinar ao principal partido de Galicia, que goberna na comunidade autónoma, ten maioría no Parlamento de Galicia e é a primeira forza do Congreso dos Deputados», sinalaron os deputados do PPdeG.
Así o reclamaron hoxe na reunión da ponencia da Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentable sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade. Os deputados nacionais galegos Celso Delgado, Pedro Puy e Tristana Moraleja lamentan que os mesmos grupos políticos «que estaban bloqueando o debate da transferencia da AP-9 no Congreso anuncien agora un texto alternativo» á proposición de Lei Orgánica que altera o aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia, «o texto que recolle a vontade dos galegos».
Tras unha primeira lectura e aínda pendentes dunha análise xurídica e económico-financeira en profundidade, os populares aseguran que as emendas transaccionais pactadas polo PSOE, Sumar e BNG se apartan de «aspectos esenciais do texto demandado de forma unánime desde Galicia e que foron tomados en consideración polo Congreso en xuño de 2024 para a súa tramitación».
FINANCIACIÓN ECONÓMICA
O deputado Celso Delgado instou nesta reunión ao BNG e PSdeG a explicar «por que eliminan ou cambian o texto das disposicións que inclúen obrigas económicas e financeiras do Estado para a transferencia da AP-9». Insiste en que «é fundamental» que esta transferencia veña acompañada dos «recursos económico necesario para a súa xestión e para manter todos os compromisos adquiridos ata agora».
A transferencia a Galicia da autopista debe vir acompañada de dous requisitos. Por unha parte, Delgado explica que o Goberno de Pedro Sánchez «debe seguir financiando os compromisos adquiridos», dotando á Xunta de medios financeiros «para ampliar as bonificacións das peaxes nun vial cuxa concesión a Audasa remata en 2048», salvo que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamine o contrario.
Ademais, a transferencia da AP-9 debe «suprimir» o incremento tarifario do 1% anual que Audasa aplica desde 2019 en concepto de compensación económica polas obras de ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago, «unha actualización que se manterá por un período de 20 anos e que foi acordada na época do expresidente Zapatero». «O texto remitido desde o Parlamento de Galicia instaba ao Estado a amortizar esa subida».
En definitiva, o deputado ourensán lamenta que o acordo entre PSOE, Sumar e BNG non concrete unha cuestión «tan relevante como é o financiamento por parte do Estado e que non cumpre coas expectativas e reclamacións que Galicia fixo por unanimidade».
DICTAME DA COMISIÓN EUROPEA
Do mesmo xeito, os deputados do PPdeG amosan a súa preocupación ante a desaparición neste acordo dunha disposición na que se obrigaba ao Goberno de Sánchez a asumir as obrigas económicas e financeiras en caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as cales se acordou a ampliación do período concesional. «Ante o escenario derivado do ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da AP-9 na que Bruselas cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria de contratación pública, a supresión desta disposición podería prexudicar enormemente a Galicia», reiteran.
CONTINÚA O TRÁMITE LEXISLATIVO
Finalmente cos votos de PSOE, BNG, Sumar, Bildu, ERC, PNV e Junts aprobouse un informe da ponencia que recolle o expresado nas emendas. O Grupo Popular defendeu a vixencia da literalidade do texto aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Agora virá o debate lexislativo na Comisión de Transportes e despois no Pleno.
Os deputados do PPdeG recordan tamén que a Comisión Europea advertiu, ademais, de que España podería ser levada ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas. «Trátase dun asunto de enorme transcendencia para Galicia», conclúen.













