Vigo reúne as voces que mellor coñeceron a Begoña Caamaño
A Real Academia Galega celebrará o sábado 21 de novembro en Vigo o Simposio das Letras Galegas 2026, unha cita que porá o broche á programación dedicada a Begoña Caamaño Rascado (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014).
Baixo o título Begoña Caamaño: literatura, xornalismo e vida, o encontro desenvolverase no MARCO e estará coordinado pola académica María López Sández.
A xornada pretende ofrecer unha visión ampla da autora, desde a súa achega á literatura galega ata o seu traballo como xornalista e o seu compromiso coa lingua e coa sociedade.
A iniciativa conta co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación, así como coa colaboración do Concello de Vigo.
A súa revisión dos mitos de Ulises e do ciclo artúrico
A programación comezará ás 10:00 horas coa apertura institucional. A crítica literaria María Xesús Nogueira será a encargada de impartir a conferencia inaugural, titulada Begoña Caamaño. A construción dunha voz narrativa.
Ás 12:00 horas celebrarase a mesa redonda Reescribir os mitos: voces, formas e pensamento, na que participarán María Teresa Amado, Santiago Gutiérrez, Lara Rozados e Víctor F. Freixanes.
O debate afondará na maneira en que Begoña Caamaño revisitou grandes referencias da tradición literaria universal a través das súas novelas Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).
Dúas obras fundamentais para comprender a súa capacidade de reinterpretar os mitos desde unha perspectiva contemporánea.
O compromiso co xornalismo e coa lingua galega
A partir das 16:00 horas, o simposio centrarase na súa faceta profesional coa mesa Poñer a voz: xornalismo e compromiso.
Participarán María Xosé Porteiro, compañeira de profesión de Caamaño nos seus primeiros anos en Vigo; Ana Romaní, amiga e compañeira na Radio Galega; e Lucía Junquera, creadora dun pódcast sobre a escritora impulsado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A conversa abordará a concepción que Begoña Caamaño tiña da función social do xornalismo e a súa contribución á normalización da lingua galega.
A infancia no Calvario e a memoria máis íntima da escritora
Un dos momentos máis persoais da xornada chegará ás 17:50 horas coa mesa A vida compartida: memoria, lugares e afectos.
Beatriz Caamaño, irmá da escritora, Uxía Senlle e o académico Ramón Nicolás compartirán lembranzas sobre a súa vida, a súa infancia no barrio vigués do Calvario, as amizades e a relación entre as experiencias persoais e a creación literaria.
Será unha oportunidade para achegarse á dimensión máis íntima dunha autora que deixou unha importante pegada na cultura galega.
Uxía Senlle pechará o simposio cunha homenaxe musical
A música tamén terá presenza no encontro. Uxía Senlle será a encargada de pechar a xornada interpretando os seus temas dedicados a Begoña Caamaño.
O programa incluirá ademais a proxección dunha peza audiovisual na que alumnado dos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras lerá fragmentos da obra da escritora en diferentes idiomas.
Deste xeito, Vigo converterase o 21 de novembro nun espazo de lembranza e reflexión arredor dunha autora que fixo da literatura, do xornalismo e da defensa da lingua galega parte esencial da súa vida.










