O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe a aposta do Goberno de España e de AENA “pola modernización e conectividade dos 3 aeroportos galegos” coa inauguración da nova ruta directa entre Santiago de Compostela e Newark/Nova York, operada por United Airlines, coincidindo coa reapertura do aeroporto Rosalía de Castro tras as obras de rexeneración profunda da pista.
Pedro Blanco participou no acto inaugural celebrado no aeroporto compostelán xunto ao subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, o vicepresidente sénior de Operacións de United Airlines, David Kinzelman; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e ao director do aeroporto, Marcos Díaz González.
Durante a súa intervención, o delegado destacou que a reapertura do aeroporto e a posta en marcha desta conexión aérea “permite unir en apenas oito horas a capital espiritual de Europa coa capital do mundo”, salientando o valor estratéxico dunha ruta que conecta Galicia cos Estados Unidos “nun momento no que parece que os continentes están cada vez máis afastados”.
Pedro Blanco agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal do aeroporto e polas empresas encargadas das obras de renovación da pista executadas durante os 35 días de peche da terminal, así como a coordinación mantida entre os aeroportos galegos para garantir o servizo durante este período.
O delegado puxo en valor o compromiso de AENA e do Goberno de España coa mellora das infraestruturas aeroportuarias galegas, lembrando o investimento de 27 millóns de euros na mellora da pista de Santiago e os máis de 130 millóns mobilizados nos aeroportos galegos nos últimos anos a través do Ministerio de Transportes. Ademais, sinalou que o plan estratéxico de investimentos prevé destinar outros 207 millóns de euros entre 2027 e 2031 aos aeródromos galegos.
Pedro Blanco subliñou tamén que AENA continúa traballando para reforzar a conectividade aérea de Galicia mediante incentivos vinculados á apertura de novas rutas e ao incremento do número de pasaxeiros, “apostando pola coordinación e a lealdade institucional para seguir sumando destinos nos próximos meses”.
O delegado incidiu finalmente en que o compromiso do Ministerio de Transportes con Santiago “vai máis alá do aeroporto”, citando actuacións como o Orbital, o proxecto do Orbitaliño, a estación intermodal, as obras do novo aparcadoiro e a próxima posta en servizo da autovía A-54.













