O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, participou hoxe en Fisterra no simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para núcleos de poboación, un exercicio estratéxico no que interviñeron distintos servizos de emerxencia, así como representantes das Forzas e Corpos de Seguridade.
O simulacro recreou un suposto incendio forestal iniciado no monte Nave, nas inmediacións de Fonte Sete Pichos, que avanzaba ameazando diversos núcleos de poboación do termo municipal de Fisterra. O exercicio desenvolveuse reproducindo as condicións dun incendio real co obxectivo de poñer a proba os protocolos de actuación e reforzar a coordinación entre os distintos organismos implicados.
Julio Abalde destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia e garantir unha actuación rápida, coordinada e eficaz”. Neste sentido, salientou que “a prevención, a coordinación e a capacidade de resposta son fundamentais para protexer á cidadanía e ao noso territorio, especialmente ante o incremento do risco de incendios durante a campaña de verán”.
O subdelegado tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polos profesionais que participan nos operativos de emerxencia e agradeceu “o compromiso e a colaboración de todos os efectivos implicados neste exercicio”.
A actividade enmárcase no plan anual de prevención e loita contra incendios forestais, coa vista posta na preparación da campaña de verán e na mellora continua dos mecanismos de coordinación e intervención ante posibles emerxencias.













